O domingo pasado falaba dos inicios das emisións de Radio Valga, o 15 de maio de 1999 e que ás 11 da mañá do 7 de agosto dese mesmo ano regresaba ás ondas, pero en Radio Valga, despois de estar na radio do Instituto Camilo José Cela de Padrón, o lendario programa “Maquinillos no Horizonte”,co- presentado e co-dirixido por Chema Aboy e por quen lles escribe estes parágrafos. “Maquinillos no Horizonte” fora o primeiro programa da emisora que tiña chamadas en directo e que era bastante máis moderado, nas súas formas, ó que faciamos no Instituto. A parte das trangalladas, imitacións, desmadres e a música habitual da orquestra “Los Satélites”,”Beeges”, ”Modern Talking”, “Los Metálicos”, ”A Roda”, ”Ana Kiro”, ”Herdeiros da Crus”… Chema falara ós oíntes da vida e costumes do escaravello peloteiro, xa que de animais Chema é un bo coñecedor, e eu falei dun importante eclipse de Sol que ía acontecer nesa semana e da morte, nun tiroteo coa policía, do verdadeiro Cocodrilo Dandue, personaxe coa que se inspiraran, en parte, para a realización da coñecida película australiana do mesmo nome. E claro está, non podían faltar o anuncio das festas dos Desamparados da Devesa , as do San Lourenzo e San Bertomeu de Seira, as de Santa Baia de Oeste e a do Pemento de Herbón que ese día se celebraba. Hai que dicir que para dar conta dos programas festeiros, eu que andaba tódolos días en bicicleta, levaba na carteira das ferramentas unha libretiña que servía para apuntar as orquestras e as festas que estaban anunciadas no carteis que estaban postos nos carballos, nas paradas do coche de liña e nos bares.
Os sábados pola mañá eran moi intensos, coa emisión de varios programas diferentes coma era o caso do “Polisón” ,no que Oscar Cereijo (Noise Project) daba a coñecer ós oíntes grupos de musica alternativa e independente, tamén rapaces coma Ignacio, os Irmáns Lois facían a súas aportacións…e que me perdoen outros que estiveron, por non lembrarme dos seus nomes neste momento. Tamén estes programas gravábanse á súa vez en cinta ,coa finalidade de voltar a repetilos durante a semana, e iso era as veces simpático e incrible, porque resultaba estraño escoitarte pola radio estando na casa e a vez simpático, porque as veces os veciños e amigos víante pola rúa, mentres redifusionaban o noso programa, e mirábante sorprendidos, preguntándome coma era posible que estivera andando por alí, si me estaban a escoitar pola radio nese mesmo intre.
Sen embargo, a pesar do “éxito”, “Maquinillos no Horizonte”, tivo unha vida moi efémera na nova emisora e durou un mes ,e as causas disto, de momento, son segredo de Estado. Mentres os demais programas continuaron un pouco máis de tempo, colaboradores coma Miguel Lois e Óscar Cereijo tamén dedicáronse a presentar un programa de deportes, que tiña coma sintonía o coñecido tema “Sussudio” de Phil Collins. Durante estes primeiros anos tamén destacarían as colaboracións de Marisa Castiñeiras sobre o mundo do cine e os esternos, nun espazo dentro de “A Nosa Mañá” da directora Teté Rocamonde. Con todas estas bases a emisora iría pouquiño a pouquiño dándose a coñecer á audiencia, que daquela aínda non era moita. Entre as cousas disto era a pouca cobertura que tiñamos. Daquela as nosas ondas recibíanse con dificultade coma moi lonxe ata Lestrove ou Iria e non existía cobertura total no territorio do concello de Valga, xa que no Pino ou en Cerneira, debido as interferencias doutra emisora, xa non nos podían ouvir.
Pasado un ano, no mes de xuño do 2000,comeza a traballar o gran experto en deportes, especialmente apaixonado co fútbol, Héctor Bermúdez, presentando en horario de 13.30h. a 14h. o programa “O teu deportivo”, e logo polas tardes “Moito máis que música”, programas que hoxe aínda seguen en antena de forma continuada dende aquela, da man da mesma persoa. Tamén pola mesma época chega Rosa Bandín, que co-presentará “A Nosa Mañá” e “As Novas”, con Teté Rocamonde. Polo tanto nese ano 2000, a plantilla da emisora era xa de 3 persoas, sen contar cos colaboradores, do que un servidor formaba parte, presentando o programa musical e de festas “O Expreso das 4.30”.Mentres outros colaboradores realizaban o programa de música dance “Discorava”. Facendo así un rápido repaso, salientamos que entre os anos 2001 e 2002 estivo traballando coma locutora, procedente de Tele Salnés, a polifacética valguesa Silvia Cerneira, deixando a emisora para participar na I edición do concurso de “O Rei da Comedia” na TVG. No 2002 outra muller, Lidia Gallas, entra a formar parte de Radio Valga, continuando na actualidade co programa “A Nosa Mañá”. A principios do ano 2003, Teté Rocamonde deixa Radio Valga para incorporarse como presentadora en Telé Salnés, polo que a dirección pasa a mans de Héctor Bérmúdez, que será o encargado de capitanear os destinados da emisora ata os nosos días, ó tempo que a Radio ía tomando cada día máis solidez , ata converterse nun referente indiscutible e líder de audiencia nos concellos de Valga, Pontecesures, Padrón, Dodro, Rois…así coma contar con moitos oíntes espallados polos concellos de Rianxo, Catoira, Ames, Brión, Negreira, A Baña, Teo, Caldas de Reis, Cuntis, Val do Dubra…Para que estes logros foran posibles ,a parte de dispoñer dunha programación moi aberta á participación dos oíntes, cabe salientar as melloras técnicas, coma a posta en marcha do reemisor do monte Albor a finais do 2003,aumentado notablemente a cobertura, así coma a introdución de ordenadores e unha nova mesa de son nos estudios.
Tamén destacar, si non recordo mal, que a partires do ano 2004, por iniciativa dos nosos oíntes, comezaron as xa tradicionais ceas-festas da audiencia de radio Valga, que comezaron cunhas 90 persoas, aumentado, uns poucos anos despois, o número de amigos e oíntes que se chegaron a xuntar no restaurante ata os case 500. Do mesmo xeito tiveron éxito as festas campestres, que tiveron lugar polo mes de San Xoán no Parque Irmáns Dios Mosquera de Valga, que reuniron ,en varias ocasións, un bo número de oíntes para comer pulpo e churrasco na carpa do pulpeiro Lito Mambis, completado co desfrute de diversas actividades lúdicas, coma xogos tradicionais e actuacións musicais.
Con este pequeno resume, quixen lembrar e dar a coñecer como foi o inicio da emisora, xa fai 10 anos, porque contar despois as cousas salientables que ocorreron nos 9 anos seguintes sería materia non so de máis artigos, senón que xa dun libro. E dende aquí dar as gracias a tódolos oíntes, casas comerciais e o Exmo. Concello de Valga, que confiaron sempre nesta emisora ,na emisora de todos vos, porque nos sen vos non imos a ningures, esperando estar moitos anos máis ó voso carón, compartindo música, ilusións, compañía, chamadas, opinións, amizade. Gracias.
DANIEL SEIJAS LLERENA
Xoves 4 de San Xoán do 2009
0 Comments