Sábado 15 de maio de 1999, mes das flores, para o moitos o máis fermoso do ano, serían sobre ás 10 da mañá. Eu acaba de erguerme da cama, e coma sempre fago, prendín a radio e comecei a mover a roda do dial, facendo un repaso rápido polas diferentes emisoras, para escoitar algunha cousa interesante. Cando a agulla do indicador de frecuencia chegou ó final de todo, puiden comprobar que a través do espazo radioeléctrico, daquel intre, colábase o coñecido tema musical “soul survivor”, interpretado por unha das grandes voces da musica disco dos anos oitenta, a holandesa C.C. Catch. Dado que a min esa canción gustábame moito, seguín escoitándoa, á vez que estrañado ó comprobar que nesa frecuencia do 107.9 da Frecuencia Modulada, lugar por onde se recibía con pouca forza o sinal da cambadesa Radio Salnés, desta vez a calidade de son era moi boa, e pensei, naquel momento, que as razóns polas cales a música sonaba con forza, polo meu receptor, debíase a que ós de Radio Salnés cambiaran de repetidor ou que puxeran un equipo emisor máis potente… pero todas esas especulacións víronse abaixo enseguida. No momento en que a canción era pisada por unha voz moi, moi familiar, que enseguida recoñecín sorprendido, a do meu amigo e compañeiro Chema Aboy, dicindo algo así parecido a isto:
Estas escoitando a emisora do Concello de Valga, Radio Valga!
Estaba sendo testemuño da primeira emisión en probas de Radio Valga, e alí estaba o seu primeiro locutor, Chema Aboy, veciño dos Martores, que estivera co-presentando e co-dirixindo comigo, na pequena emisora do instituto Camilo José Cela de Padrón, o programa radiofónico máis esperpéntico, e que viña sendo a radio-carallada, a radio-feira e a improvisación en estado puro. Para moitos é xa unha lenda na comarca do Ullán, era “Maquinillos no Horizonte”. Tempos aqueles!
Nada máis saber que o proxecto radiofónico, levado a cabo polo Concello de Valga ,era xa unha realidade, xa non me collía pan no corpo. Collín a bicicleta e dirixinme ós estreados estudos da emisora, que vaia coincidencia, atopábanse e atópanse na parte baixa da antiga sede da “Hermandad de Labradores de San Miguel de Valga”, é resultaba que ese mesmo que día que comezaran as emisións era a festividade de San Cidre, o santo patrón dos labregos. Ó entrar nos estudios, vin a Chema que estaba poñendo música e pedinlle que me deixara dicir unhas poucas verbas polo micrófono, cousa que fixen, dicindo catro cousas por riba. Durante eses primeiros días de probas e emisións irregulares a música que soaba era a dun vinilo de C.C. Catch, os temas dos “Beeges” da película “Febre do sábado noite”, o “tarzan boy” do grupo “Baltimora” e cancións dos “Mojinos Escocidos”. Daquela a discografía era escasa, e a música que se poñía era a que che gustaba a Chema, que traia da casa porque na emisora pouco máis había. Despois para ter música durante as 24 horas, o método que existía, era que durante o tempo que Chema emitía en directo , a emisión gravábase nunha cinta casete, de 60 ou 90 minutos, que posteriormente poñíase dando voltas sen parar, ó rematar as emisións de directo, polo que durante as fins de semanas escoitábase sempre o mesmo unha chea de veces. Era a única maneira que existía, para manter a emisión con música, xa que non dispoñiamos doutros medios nin dispoñiamos de ordenador.
Despois, ós poucos días de comezar as emisións en probas de Radio Valga, o Concello publicaba un bando no que invitaba a apuntarse para colaborar na radio, ás tódalas persoas interesadas en facer algo neste medio. Eu coma outros rapaces, tamén anoteime, xa que ó acabar ó instituto tiña mono de radio e quería facer outra vez, xunto con Chema, o lendario programa “Maquinillos no Horizonte”. Despois de anotarme, pasaron unhas semanas ata que un dia, seria mediados de xuño, convocáronos a tódolos interesados a unha reunión na casa do Concello, e instábanos a que levaramos algún tipo de guión e ideas para facer programas na emisora. Alá fomos varios rapaces moi ilusionados, de idades comprendidas entre os 18 e 21 aproximadamente e case todos de Ponte Valga. Logo no Concello explicáronos, máis ou menos, o que se pretendía levar a cabo na emisora e presentáronnos a que era nova directora da emisora, Teté Rocamonde, xove xornalista que estivera traballando no xornal “El Correo Gallego”. Despois da reunión, dixéronos que xa, nos chamarían para poder empezar a emitir os nosos programas en directo. Logo ,a partires de principios de Xullo, comezaban xa as emisións regulares polas mañás co programa “A Nosa Mañá” magazine, presentado por Teté Rocamonde, de 11 a 13h,e logo ata as 13.30 as novas da comarca, e que nun principio contaría coa axuda, nas tarefas técnicas, de Mon, funcionario do Concello. Despois polas tardes voltaba Teté cun par de horas de música, que xa repito que naquel momento era moi escasa e incluso, gravábase en cinta na radio a música á outras emisoras, para posteriormente poñela na nosa emisora.
Logo de facer un programa piloto e organizar os programas, tódolos rapaces que estabamos alí nese momento, cunha grande ilusión de facer radio, comezamos a presentar os programas “alternativos” a partir do sábado 7 de agosto as 10 da mañá, momento no que arrancaba o primeiro grupo, que xa non me acordo ben cal fora. Unha despois, coa cabeceira de entrada da “Cabalgata das Valkirias” de Richard Wagner, voltaba ó éter, pero en Radio Valga, “Maquinillos no Horizonte, con Chema e Seijas”. Recordo que foi o primeiro programa da emisora que tiña chamadas en directo, e lembro que nese programa, bastante máis moderado nas súas formas ó que faciamos no Instituto, a parte das trangalladas, imitacións e desmadres habituais, a música da orquestra “Los Satélites”, ”Beeges”, ”Modern Talking”, “Los Metálicos”, ”A Roda”, ”Ana Kiro”, ”Heredeiros da Crus”… Chema falou ós oíntes da vida e costumes do escaravello peloteiro, xa que de animais Chema é un bo coñecedor, e eu falei dun importante eclipse de Sol que ía acontecer nesa semana e da morte nun tiroteo coa policía do verdadeiro Crocodilo Dandue, personaxe coa que se inspiraran ,en parte, para a realización da coñecida película australiana do mesmo nome. E claro está, non podían faltar o anuncio das festas dos Desamparados da Devesa , as do San Lourenzo e San Bertomeu de Seira, as de Santa Baia de Oeste e a do Pemento de Herbón que ese día se celebraba. Hai que dicir que para dar conta dos programas festeiros, eu que andaba tódolos días en bicicleta, levaba na carteira das ferramentas unha libretiña que servía para apuntar as orquestras e as festas que estaban anunciadas nos carteis que estaban postos nos carballos, nas paradas do coche de liña e nos bares.
Os sábados pola mañá eran moi intensos, coa emisión de varios programas diferentes coma era o caso do “Polisón” ,no que Oscar Cereijo (Noise Project) daba a coñecer ós oíntes grupos de música alternativa e independente, tamén rapaces coma Ignacio, os Irmáns Lois facían a súas aportacións…e que me perdoen outros que estiveron, por non lembrarme dos seus nomes neste momento. Tamén estes programas gravábanse á súa vez en cinta, coa finalidade de voltar a repetilos durante a semana, e iso era as veces simpático e incrible, porque resultaba estraño escoitarte pola radio estando na casa e a vez simpático, porque as veces os veciños e amigos víante pola rúa, mentres redifusionaban o noso programa, e mirábante sorprendidos, preguntándome coma era posible que estivera andando por alí, si me estaban a escoitar pola radio nese mesmo intre.
Sen embargo, a pesar do “éxito”, “Maquinillos no Horizonte”, tivo unha vida moi efémera na nova emisora, e durou un mes, e as causas disto, de momento, son segredo de Estado. Mentres os demais programas continuaron un pouco máis de tempo, colaboradores coma Miguel Lois e Oscar Cereijo tamén dedicáronse a presentar un programa de deportes, que tiña coma sintonía un coñecido tema do artista Sting. Durante estes primeiros tempos tamén destacarían as colaboracións de Marisa Castiñeiras sobre o mundo do cine e os estrenos, nun espazo dentro de “A Nosa Mañá” da directora Teté Rocamonde. Con todas estas bases a emisora iría pouquiño a pouquiño dándose a coñecer á audiencia, que daquela aínda non era moita. E para a semana que ven, seguireivos contando algúns detalles máis sobre os inicios desta estación radiofónica.
DANIEL SEIJAS LLERENA
0 Comments